A Xunta subliña a necesidade de modernizar o parque eólico galego para continuar liderando a produción enerxética a partir da forza do vento

A Xunta subliña a necesidade de modernizar o parque eólico galego para continuar liderando a produción enerxética a partir da forza do vento

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitaron esta mañá o parque eólico Serra da Panda, xunto con representantes de Iberdrola en Galicia, e os alcaldes de Ortigueira e Mañón

No caso desta infraestrutura que promove Iberdrola, trátase dun dos cinco parques que se repotenciou de xeito voluntario, pasando de 28 a 24 aeroxeradores e que rematará este proceso nos próximos meses para quedar finalmente con oito muíños

Ortigueira (A Coruña), 5 de marzo de 2025

A Xunta visitou hoxe o parque eólico da Serra da Panda, un dos cinco que hai actualmente en Galicia repotenciados. Os restantes están todos na provincia da Coruña: Corme, Cabo Vilán, Malpica e Zas.

Na visita, participaron por parte da Consellería de Economía e Industria, o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila; por parte de Iberdrola, o delegado Institucional e o delegado Territorial da compañía en Galicia, Francisco Silva e Enrique Fernández, respectivamente; o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e o rexedor de Mañón, Alfredo Dovale.

Nos vindeiros anos, en Galicia vaise aumentar de xeito significativo a cantidade de parques eólicos repotenciados de acordo coa Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, que establece que aqueles cunha antigüidade de máis de 25 anos teñen a obriga de repotenciarse. 

A repotenciación dos 25 parques eólicos máis antigos de Galicia, por superar os 25 anos de antigüidade, permitirá a retirada de máis de 800 aeroxeradores da paisaxe galega, que quedan reducidos a unha media de 120. Deses 25 parques, cinco xa o fixeron de forma voluntaria, e os 20 restantes teñen un prazo de 18 meses para presentar o seu proxecto.

No caso do parque eólico da Serra da Panda, que promove Iberdrola, trátase dun parque repotenciado parcialmente, e que rematará este proceso nos próximos meses. Deste xeito, coa primeira repotenciación pasou de ter inicialmente 28 aeroxeradores de 660 KW a un total de 24 aeroxeradores. Coa nova repotenciación, o parque quedará cunha configuración final con oito aeroxeradores (tres aeroxeradores de 660 kW, dous de 2 MW, e tres aeroxeradores de 4,3 MW), cunha produción de enerxía de 63.645 MWh/ano, que equivale ao consumo eléctrico de 19.500 fogares.

Últimas novas