A Xunta subliña que a Lei de Recursos Naturais permitirá abaratar a factura eléctrica ás familias e ás empresas
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández, participou na Future Energy Summit 2024
Madrid, 2 de xullo de 2024
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe que a Lei de Recursos Naturais que se está a tramitar no Parlamento galego permitirá abaratar a factura eléctrica ás familias e ás empresas, así como avanzar na autonomía enerxética da comunidade galega.
O director xeral participou esta tarde nas xornadas Future Energy Summit 2024 onde explicou que a Lei converterá a riqueza natural de Galicia en riqueza social e garantirá que todos os proxectos que se desenvolvan na Comunidade teñan unha repercusión positiva no territorio.
A Lei comprende os proxectos de produción de enerxía a partir de fontes renovables; os que requiren da concesión de augas que a propia lei determina; e os dereitos, concesións mineiras e proxectos de explotación mineiros.
Pablo Fernández Vila explicou que se terá en conta a promoción de novos investimentos e, en particular, de mecanismos de reinvestimento dos beneficios obtidos; o fomento da creación e o mantemento de emprego directo e indirecto, así como a creación de emprego cualificado na área de implantación e o fomento do emprego feminino; ou a participación nos proxectos de investidores locais e de empresas e administracións da zona na que se situará a instalación.
Tamén se valorará a redución de custos da enerxía e a redución da dependencia enerxética das persoas consumidoras locais e industrias das zonas; ou a colaboración e o desenvolvemento de grupos de investigación vinculados a melloras en aproveitamentos enerxéticos, mineiros, forestais ou industriais vinculados ás universidades e aos centros de investigación e desenvolvemento de Galicia.