A Xunta subvenciona con preto de 40.000 euros a mellora da eficiencia enerxética da Rectoral de Fofe, en Covelo

A Xunta subvenciona con preto de 40.000 euros a mellora da eficiencia enerxética da Rectoral de Fofe, en Covelo

O delegado territorial visitou as obras e destacou a importancia de manter un sector turístico de excelencia

Preto de 50 empresas da provincia de Pontevedra se beneficiaron destas axudas por valor de máis de 3,2 millóns de euros

Covelo (Pontevedra), 16 de maio de 2025

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da Rectoral de Fofe, en Covelo, que foi un dos beneficiarios das axudas para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas da Xunta.

En concreto, a Rectoral recibiu unha achega de preto de 40.000 euros que lle permitiu instalar unhas placas solares coas que reducirá significativamente o custe enerxético, mentres aposta por unha enerxía limpa e renovable. Ademais, o establecemento substituíu a antiga caldeira por unha máis moderna e eficiente.

O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor a importancia de “seguir apoiando aos empresarios para que, todos xuntos, consigamos unha Galicia máis verde, máis limpa e máis moderna”.

Neste sentido, Reguera agradeceu o esforzo e atención dos empresarios do sector turístico que “levan moitos anos traballando de forma impecable para Galicia, e moi especialmente a provincia de Pontevedra, manteña a súa imaxe de excelencia e calidade”.

Cabe destacar que estas axudas beneficiaron a preto de 50 empresas na provincia de Pontevedra por valor de máis de 3,2 millóns de euros.

Últimas novas