A Xunta ve en Genesal Energy un exemplo de empresa implicada na transición enerxética
O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, e a directora do Igape, Covadonga Toca visitaron as instalacións da compañía en Bergondo (A Coruña)
Bergondo (A Coruña), 24 de novembro de 2023 O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, e a directora do Igape, Covadonga Toca, visitaron as instalacións da empresa Genesal Energy, en Bergondo, da que destacaron que é un exemplo pola súa implicación na transición enerxética.
A compañía, especializada no deseño, fabricación e venda de grupos electróxenos, vén de poñer en marcha, cos apoios da Xunta de Galicia en materia de autoconsumo, unha instalación fotovoltaica cunha potencia de 56 kWp. A actuación desenvolveuse no marco do seu proxecto OGGY, que Genesal Energy está desenvolvendo para mellorar a xestión enerxética no eido empresarial. Ademais, tamén recibiron axudas do Moves III na súa aposta por unha mobilidade sustentable, así como diferentes apoios para avanzar na dixitalización e innovación tecnolóxica da firma, a través do Igape.
Desde o Goberno galego vaise manter este compromiso de acompañar ás empresas na súa transición enerxética pero tamén dixital. Neste sentido, o orzamento do ano que vén reserva máis de 200 M€ para o Igape co obxectivo apoiar o tecido produtivo e o Inega disporá de preto de 80 M€ para seguir impulsando medidas de aforro e eficiencia enerxética, así como a implantación de enerxías renovables nas empresas galegas, pero tamén nos fogares e administracións.