A Xunta ve necesaria unha regulación adecuada que permita ás industrias coxeradoras ser competitivas

Instituto enerxético de Galicia
A Xunta ve necesaria unha regulación adecuada que permita ás industrias coxeradoras ser competitivas

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en Madrid nunha mesa redonda no marco da xornada ‘A coxeración e a industria: claves para a descarbonización’, que se desenvolve dentro da Feira internacional de Enerxía e Medio Ambiente Genera 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, referiuse esta mañá á necesidade de establecer unha regulación adecuada para que o réxime retributivo se adapte as particularidades do mercado e compense os custos de explotación das industrias coxeradoras, permitindo que sexan competitivas.

Fernández Vila participou nunha mesa redonda no marco da xornada A coxeración e a industria: claves para a descarbonización, que se desenvolve dentro da Feira internacional de Enerxía e Medio Ambiente Genera 2024, en Madrid.

O director xeral falou da coxeración como un exemplo claro de eficiencia enerxética pois xera electricidade e calor que se aproveita nos procesos produtivos e lembrou que, ata a pandemia, este tipo de instalacións achegaba entre un 10 e un 12 % da enerxía eléctrica producida en Galicia. Porén, a exclusión da coxeración do mecanismo de excepción ibérica derivou nunha parálise do sector e, en consecuencia, unha redución da competitividade e da produción industrial.

No referente ao desenvolvemento de proxectos vinculados aos gases renovables, Fernández Vila informou de que a Xunta de Galicia mantén aberta ata o 22 de febreiro unha convocatoria pioneira para apoiar proxectos de biogás, biometano e hidróxeno verde. 

Últimas novas