As axudas da Xunta para infraestruturas de almacenamento enerxético estarán dispoñibles para empresas e autónomos a partir do vindeiro luns

Lorenzana_Ons
As axudas da Xunta para infraestruturas de almacenamento enerxético estarán dispoñibles para empresas e autónomos a partir do vindeiro luns

A convocatoria é para aqueles proxectos de almacenamento enerxético mediante baterías (que non sexan de chumbo-ácido), con capacidade de 800€/kWh e que supoñan cun investimento mínimo de 25.000 euros

O orzamento, con cargo aos fondos FEDER, ascende a 2,5M€ e a contía máxima da axuda por proxecto será de 500.000 euros

Lorenzana destaca que Galicia xa é a 2ª comunidade autónoma en xeración de enerxía eléctrica renovable grazas, sobre todo, á hidráulica (que xerou máis electricidade neses cinco meses que en todo o 2022), e á eólica

Bueu (Pontevedra), 13 de setembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, informou hoxe de que a partir do vindeiro luns poderanse solicitar as axudas da Xunta para infraestruturas de almacenamento enerxético dirixidas a empresas, autónomos e asociacións de empresarios.

A convocatoria deste ano saíu publicada o pasado día 9 no DOG, para aqueles proxectos de almacenamento enerxético mediante baterías (que non sexan de chumbo-ácido), con capacidade de 800€/kWh  e que supoñan cun investimento mínimo de 25.000 euros. As axudas, por concorrencia non competitiva, tamén cobren os accesorios necesarios para a instalación e o custo da montaxe, así como a elaboración do proxecto técnico.

O orzamento, con cargo aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), ascende a 2,5M€. A contía máxima da axuda por proxecto será de 500.000 euros, e cobre entre o 20% e o 50% se se trata de grande (20%), mediana (40%) ou pequena empresa (50%). Cada solicitante poderá presentar unha ou máis solicitudes e cada solicitude recollerá un único proxecto. As axudas máximas por entidade beneficiaria será de 1M€. O prazo de presentación será de dous meses (ata o 18 de novembro).

Illa de Ons

Lorenzana visitou esta tarde unha das empresas beneficiarias desta liña de apoios en anteriores edicións, o Cámping Illa de Ons, onde se instalaron 7 bancos de baterías de litio de 13,44 Kwh para un total de 94,08 Kwh. E 96 paneis fotovoltaicos. Segundo apuntou, esta actuación foi unha das 1.354 que se sufragaron con cargo a estas axudas nas tres convocatorias anteriores (2021-2023) para particulares, empresas e administracións, cun investimento de 6,7M€.

A conselleira explicou que estas axudas buscan contribuír ao aproveitamento das enerxías renovables, a implantar a cultura do aforro e a eficiencia enerxética, á electrificación da demanda de enerxía como unha das principais vías para a descarbonización. Para iso, a Xunta promove a adaptación das infraestruturas necesarias, e o almacenamento o que permite é unha mellora da calidade da rede en determinadas zonas e tamén na seguridade da subministración.

Ao fío disto, Lorenzana fixo referencia aos datos publicados esta mesma semana por Rede Eléctrica correspondentes aos primeiros cinco meses deste ano (de xaneiro a maio), segundo os cales Galicia sitúase xa como a 2ª comunidade autónoma en xeración de enerxía eléctrica renovable grazas, sobre todo, á hidráulica (que xerou máis electricidade neses cinco meses que en todo o 2022), e á eólica.

Nese sentido, confiou en que a Lei de Promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que se vai aprobar o vindeiro mes de outubro contribúa, a consolidar esta tendencia.

Últimas novas