Belén do Campo anima aos empresarios a solicitar as axudas para reducir a súa factura eléctrica

Belén do Campo anima aos empresarios a solicitar as axudas para reducir a súa factura eléctrica

A delegada da Xunta visitou a empresa Lavamar, beneficiaria no 2023 e 2024 desta orde, o que lle permitiu aforros entre o 30% e o 60% no seu consumo enerxético

A Coruña, 11 de xuño de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, animou a solicitar as axudas da Xunta para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas e lembrou que o prazo está aberto ata o 15 de setembro.  Estas achegas contan no 2025 cun importe de 7,5 millóns de euros para promover o aforro de enerxía o que “permitirá reducir 4,5 millóns na factura eléctrica das empresas galegas e das persoas autónomas”, subliñou.

A representante do Goberno autonómico fixo estas declaracións durante a visita a empresa Lavamar, de tintado e lavado de prendas, con tecnoloxía líder en España dende o punto de vista produtivo,  de innovación e de investigación, beneficiaria, no ano 2023 e 2024, desta orde coa que, no 2023, substituíu unha máquina de secado antiga por unha máis eficiente cun sistema de recuperación de calor por medio de intercambiadores de vapor, para o que contaron cunha axuda do Goberno autonómico de case 92.000 euros, o que lle garante un aforro do consumo inicial do 30% e unha segunda axuda, de case 62.000 euros, para a substitución de 5 máquinas antigas de tintado de laboratorio por máquinas máis eficientes que lle permiten un aforro de consumo inicial do 60%.

A delegada tamén informou, con respecto á convocatoria de 2024, que esta empresa tamén foi beneficiaria, con outra axuda de 99.000 euros, para a substitución doutra máquina de tintado por outra máis eficiente que tamén lles permitirá outro aforro do 82% do seu consumo enerxético. Neste senso, apuntou que na convocatoria do ano pasado resultaron beneficiarias na provincia 8 empresas por un importe de máis de 750.000 euros.

Convocatoria 2025

A delegada explicou que a convocatoria, que ten aberto o prazo para este ano, en concorrencia non competitiva, conta con 4 liñas, para proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pymes; en grandes empresas; en pymes e grandes empresas que reduzan as emisión de GEI (Gases de Efecto Invernadeiro) en a lo menos un 30% e en infraestruturas públicas.

A contía da subvención será do 35 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas

As actuacións non poden estar iniciadas nin contratadas con anterioridade a data de presentación da solicitude de axuda e cada solicitude conterá un único proxecto técnico que pode constar dunha soa actuación ou varias actuacións homoxéneas a executar no mesmo emprazamento. Cada empresa poderá presentar unha ou máis solicitudes.

Esta orden ten como novidade que se amplía o prazo de presentación de solicitudes de dous a oito meses e que incorpora a posibilidade de subvencionar instalacións novas e aquelas actuacións que promovan un Certificado de Aforro Enerxético. O Goberno galego vén convocando desde hai 11 anos esta liña de axudas, cun orzamento de case 56 millóns de euros e 1.640 proxectos aprobados.

Últimas novas