Belén do Campo anima aos negocios e empresas do sector servizos a solicitar as axudas da Xunta para reducir a súa factura eléctrica

Este ximnasio foi beneficiario do `Bono Enerxía Peme´, o ano pasado, o que lles permitiu levar a cabo unha mellora da iluminación do local
A delegada lembrou que o Goberno galego acaba de abrir a quinta convocatoria deste programa de axudas que, este ano, conta cun orzamento de 2,5M€
A administración autonómica investiu na comarca de Santiago, no 2024, preto de 300.000 euros para realizar 70 actuacións de eficiencia e aforro de enerxía
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe o establecemento Espagat (Urban Gym&Spa), onde destacou o apoio que o Goberno galego está a prestar para reducir a factura eléctrica dos negocios e das empresas do sector servizos.
Neste marco, Belén do Campo explicou que este ximnasio foi beneficiario, o ano pasado, do Bono Enerxía Peme, o que lles permitiu “renovar a iluminación do seu local”, dixo. “Sodes unha mostra da implicación do noso empresariado co aforro enerxético e a sustentabilidade” subliñou. Neste senso, destacou que, no 2024, recibiron estas axudas 174 solicitantes por un importe de máis de 700.000 euros na provincia da Coruña e na comarca de Santiago o Bono Enerxía Peme permitiu realizar 70 actuacións de eficiencia e aforro de enerxía en negocios cun apoio da Xunta de preto de 300.000 euros, das cales 33 axudas se repartiron na cidade de Santiago por un importe de máis de 133.000 euros.
A delegada explicou que a Xunta ten aberta unha nova convocatoria -a quinta- desta orde cun orzamento de 2,5 millóns de euros e animou ao posibles beneficiarios a solicitalas. “Queremos concienciar á sociedade da importancia do aforro e a eficiencia enerxética, pero tamén diminuír o consumo de enerxía e reducir a factura eléctrica de pemes e autónomos, para aumentar a súa competitividade”, apuntou. Estas axudas poderán solicitarse ata o 25 de xuño.
A previsión é chegar,con este investimento, a máis de 600 traballadores e traballadoras autónomas e pemes galegas; e xerar aforros enerxéticos de ata 2.800 MWh/ano, e económicos de 0,5 M€/ano na factura eléctrica. O investimento mínimo para poder acceder a estas axudas é de 1.000 euros e a intensidade do apoio será do 80% ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo.
Finalmente, a delegada lembrou que en cinco anos “levamos investidos máis de 13 millóns de euros” cos que se realizaron máis de 3.100 actuacións de eficiencia e aforro de enerxía en Galicia. En definitiva, dixo, “o noso obxectivo é avanzar cara á descarbonización e depender menos dos combustibles fósiles”.