Lorenzana afirma que o Goberno ten “un absoluto suspenso” en materia de enerxía e reclama unha mellor planificación da rede eléctrica

“É un problema gravísimo. Investir en redes non dá votos e non se está tomando coa importancia coa que se ten que tomar”, afirma
Informa de que a Xunta solicitou formar parte do comité de análise do apagamento porque, transcorrido un mes, o Goberno aínda non conseguiu aclarar as causas que o provocaron
Destaca a aposta que está facendo a Xunta pola desburocratización e a axilidade administrativa, unha das principais demandas do tecido empresarial
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, manifestou hoxe que o Goberno de España ten “un absoluto suspenso en materia de enerxía”, e reclamou unha mellor planificación da rede eléctrica acorde ás necesidades da nova planificación industrial.
“Hai proxectos que agora mesmo dependen exclusivamente para a súa viabilidade e instalación en Galicia de ter potencia eléctrica bastante e poder conectarse á rede”, dixo, para remarcar: “É un problema gravísimo. Investir en redes non dá votos e non se está tomando coa importancia coa que se ten que tomar”.
Lorenzana, acompañada polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, clausurou hoxe a XXV asemblea xeral da Asociación Galega da Empresa Familiar, onde tamén informou de que a Xunta solicitou formar parte do comité de análise do apagamento porque, transcorrido un mes, o Goberno aínda non conseguiu aclarar as causas que o provocaron.
A conselleira asegurou que esta situación contribúe a xerar máis incertezas ao tecido empresarial, cando o que necesita é que se lle traslade confianza, estabilidade e seguridade para dinamizar o investimento. “A empresa necesita que a Administración non sexa un estorbo”, afirmou, e engadiu que, nun contexto internacional tan convulso como o actual, “é máis importante que nunca facer boa política”.
Nese sentido, asegurou que medidas como a Oficina Económica de Galicia, o Plan de aceleración de proxectos industrias ou as novas figuras normativas de acceso a solo empresarial foron postas en marcha pola Xunta dentro da aposta que está facendo pola desburocratización e a axilidade administrativa, unha das principais demandas das empresas.
“Fronte a outros gobernos ou ideoloxías que entenden que a empresa pode ser un inimigo, que hai que negarse a calquera desenvolvemento industrial porque pode ser ou é incompatible co territorio, estamos firmemente convencidos de que é absolutamente imposible pensar nunha Galicia a medio e longo prazo que teña o desenvolvemento, a calidade de vida e o benestar que queremos sen o desenvolvemento industrial”, aseverou.
Sobre as empresas familiares, salientou que son máis de 60.500 as que conforman o tecido produtivo galego, un 94,3 %. Nestes últimos dez anos, o seu Valor Engadido Bruto creceu máis do dobre, un 130 % ata os 40.800 M€. Representan o 85,6 % da riqueza xerada en Galicia, e dependen das vosas empresas máis de 600.000 empregos na Comunidade, un 50 % máis que na última década; o 82 % do emprego privado en Galicia.
Segundo dixo, á empresa familiar galega hai que recoñecerlle o seu liderado en sectores estratéxicos, o seu arraigo territorial e a vocación de longo prazo, que propicia a estabilidade na xestión e xera confianza, concluíu.