Lorenzana considera insuficientes as axudas anunciadas polo Goberno para a industria electrointensiva e volve reclamar un marco de subministración eléctrica competitivo para Alcoa

Lorenzana considera insuficientes as axudas anunciadas polo Goberno para a industria electrointensiva e volve reclamar un marco de subministración eléctrica competitivo para Alcoa

“Esa é unha solución parcial”, di, porque as compensacións “deben chegar a ese 25 por cento e mesmo superalo”, tal e como fan outros países da Unión Europea, apunta

Critica que, tres días despois de que se cancelase a reunión prevista, a secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, manifestase no Congreso que hai varias solucións para Alcoa enriba da mesa sen concretar ningunha

Lamenta que o anteproxecto de Lei de industria e autonomía estratéxica teña un carácter “meramente declarativo” en relación á industria electrointensiva

Reclama que se solucione xa a situación dos cinco parques eólicos de tramitación ministerial que perderon o permiso de acceso e conexión como consecuencia dunha “mala tramitación” por parte do Goberno

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, considerou hoxe “unha solución parcial” as axudas de 600 M€ anunciadas polo Goberno central para compensar os custos por emisións de CO² da industria electrointensiva e volveu reclamar un marco de subministración eléctrica “competitiva e estable” para Alcoa.

“Se isto fose así, se efectivamente non fose un anuncio, sería unha boa noticia”, dixo Lorenzana en resposta unha pregunta oral no Parlamento, onde puntualizou, non obstante, que “é unha solución parcial”, porque as compensacións “deben chegar a ese 25 por cento e mesmo superalo”, tal e como fan outros países da Unión Europea, apuntou.

“Non chegan eses 600 M€, é necesario articular e garantir por lei esa porcentaxe. Non pode depender do diálogo entre o Ministerio de Enerxía, de Facenda e de Industria”, aseverou a conselleira, quen tamén volveu demandar a modificación do Estatuto Electrointensivo para que recolla “axudas ad hoc” para este tipo de empresas, e a bonificación de peaxes do 80 por cento con carácter permanente.

Lorenzana criticou que, tres días despois de que se cancelase a reunión prevista para o pasado 9 de decembro, a secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, manifestase no Congreso que hai varias solucións para Alcoa enriba da mesa sen concretar ningunha. Lamentou, así mesmo, que o anteproxecto de Lei de industria e autonomía estratéxica teña un carácter “meramente declarativo” en relación á industria electrointensiva. “A lei ten que reflectir esa vinculación entre enerxía e industria para que realmente poidamos dar unha autonomía estratéxica á industria española”, dixo, para engadir que debe prever tamén “a garantía dese 25 por cento como mínimo de compensación de CO² a favor da industria electrointensiva.

Con respecto aos parque eólicos que han de subministrar enerxía á planta de San Cibrao, Lorenzana lembrou que a Xunta de Galicia tramitou a totalidade dos que lle corresponden, pero segue agardando a que se lle dea unha solución aos cinco parques que perderon o permiso de acceso e conexión “pola mala tramitación por parte do Ministerio”.

Segundo dixo, hai un ano que o Goberno adiantou o anuncio no BOE  da modificación do real decreto que permitiría autorizar e poñer en funcionamento no primeiro trimestre de 2024 estes cinco parques eólicos pendentes de dar servizo á planta de Alcoa. Por iso, recalcou que esta volverá ser unha das reclamacións que trasladará na vindeira mesa de seguimento.

Últimas novas