Lorenzana critica a “xenofobia empresarial” que rexeita “por principio e por capricho” calquera proxecto industrial e enerxético

“Reclamar traballo en Galicia e rexeitar ao mesmo tempo os proxectos enerxéticos é unha flagrante contradición. Máxime nestes tempos nos que a enerxía barata, que durante moito tempo sostivo o desenvolvemento europeo, desaparece”, afirma
Salienta que contar con institucións solventes e estables é unha condición necesaria para que un país ou comunidade manteña o seu ritmo de crecemento e poida facer fronte ás incertezas do contexto actual: “Galicia conta con esas institucións”, di
Pontevedra, 14 de marzo de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, criticou hoxe o que denominou “xenofobia empresarial”, que rexeita “por principio e por capricho” calquera proxecto. “Reclamar traballo en Galicia e rexeitar ao mesmo tempo os proxectos enerxéticos é unha flagrante contradición. Máxime nestes tempos nos que a enerxía barata, que durante moito tempo sostivo o desenvolvemento europeo, desaparece”, argumentou.
Lorenzana interveu hoxe no XXXVI Almorzo Foro Empresa Pontevedra, onde subliñou que “non hai desenvolvemento sen industria, non hai industria sen enerxía e non hai enerxía sen o aproveitamento racional dos recursos que se posúen”.
Na súa intervención salientou, tamén, que contar con institucións solventes e estables é unha condición necesaria para que un país ou comunidade manteña o seu ritmo de crecemento e poida facer fronte ás incertezas do contexto actual. “Galicia conta con esas institucións”, dixo, para engadir que iso, unido ao empuxe da clase empresarial, fai que informes como o publicado recentemente polo Foro Económico de Galicia, destaquen o forte dinamismo da economía galega.
Neste contexto, apuntou que as empresas piden axilidade para evitar que o trámite necesario se confunda co obstáculo prescindible; un marco legal que non estea sometido a vicisitudes alleas á realidade; que os investimentos a longo prazo se apoien con políticas económicas que non queden no día a día; e, sobre todo, enerxía.
Segundo destacou, a Xunta procura dar resposta a estas demandas a través da Oficina Económica de Galicia, no Igape, cuxo lema é desburocratizar. Tamén a través dunha estratexia enerxética decidida, firme e que, ademais, sitúa como prioridade o beneficio das comunidades e empresas próximas aos proxectos enerxéticos. E, en terceiro lugar, cunha maioría parlamentaria en Galicia “que impide sobresaltos”, concluíu.