Lorenzana destaca o impacto positivo que vai ter na industria a nova planificación eólica e as medidas da Xunta para o abaratamento da enerxía

Lorenzana destaca o impacto positivo que vai ter na industria a nova planificación eólica e as medidas da Xunta para o abaratamento da enerxía

“Para que a industria se siga desenvolvendo na Comunidade e para que sexamos quen de seguir atraendo novos investimentos, temos que ser capaces de ofrecer uns custos enerxéticos competitivos e ter unha rede de transporte eficaz que satisfaga as necesidades tanto de consumo como de evacuación que teñen os distintos proxectos”, subliña

Destaca que o Plan director do sector da automoción prevé un investimento de 230 M€ ata 2027

Cualifica a feira Mindtech como “unha oportunidade moi grande de demostrar a importancia da industria do metal, da innovación e o potencial industrial que ten Galicia”

Vigo, 28 de xaneiro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, considerou hoxe “importantísimo” para a industria do metal o traballo que vén facendo a Xunta de Galicia para vincular a industria e a enerxía a través da nova planificación eólica e das medidas para o abaratamento da factura eléctrica.

“Para que a industria se siga desenvolvendo na Comunidade e para que sexamos quen de seguir atraendo novos investimentos, temos que ser capaces de ofrecer uns custos enerxéticos competitivos e ter unha rede de transporte eficaz que satisfaga as necesidades tanto de consumo como de evacuación que teñen os distintos proxectos”, subliñou a conselleira.

“A industria do metal e de fabricación cando busca onde ubicarse e onde crecer, precisa prezos enerxéticos que sexan baratos, competitivos. Polo tanto é esencial que logremos que todo o potencial renovable que temos na comunidade autónoma poida redundar nesa vinculación coa industria e permita abaratar os prezos da enerxía”, remarcou.

Así o manifestou no acto de promoción da 4ª edición da feira Mindtech 2025, “unha oportunidade moi grande de demostrar a importancia da industria do metal, da innovación e o potencial industrial que ten Galicia”, afirmou, e tamén á hora de atraer novos investimentos e de impulsar o emprendemento innovador.

Ao respecto, apuntou que, en virtude dun convenio asinado entre Asime e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Xunta patrocina no marco desta feira o espazo “Mindtech Startup Area”. Un espazo con capacidade para 39 startups e tres business factories que permitirá ás empresas emerxentes galegas establecer contactos con posibles investidores e clientes, e tamén busca atraer startups internacionais que acheguen innovación á industria galega. 

Na súa intervención, tamén lembrou os plans directores que a Xunta está a elaborar cos sectores estratéxicos da economía galega como a automoción e o naval, e que, como indicou, abranguen todos os ámbitos: desde a formación, ata a internacionalización, os investimentos ou a innovación. En concreto, no caso do sector da automoción, sinalou que o investimento previsto é de 230 M€ ata 2027.

A conselleira concluíu aludindo á importancia da colaboración público-privada entre empresas e administracións e fixo fincapé no talento. “Sen dúbida a innovación é moi importante, o desenvolvemento tecnolóxico é moi importante, pero se non temos persoas formadas que traballen nos distintos sectores vai ser moi complicado levar adiante o desenvolvemento industrial que España pode ter nos vindeiros anos”, concluíu. 

Últimas novas