Lorenzana destaca que Galicia quere ser un modelo a seguir no despregamento das enerxías renovables en España

Lorenzana destaca que Galicia quere ser un modelo a seguir no despregamento das enerxías renovables en España

Destaca que o potencial de Galicia para liderar a transición enerxética demóstrano os datos, ao ser a terceira comunidade autónoma en España coa cota de xeración renovable máis alta (17.987 GWh producidos en 2023); e tamén o feito de contar un modelo propio sustentado na Lei de recursos naturais

Pon en valor que Galicia sexa “o centro neurálxico” desde onde a compañía xestiona integramente toda a súa capacidade renovable solar, eólica ou de coxeración en España e México 

A Coruña, 24 de xaneiro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asegurou hoxe que Galicia quere ser un exemplo a seguir no despregamento das enerxías renovables en España, cun modelo que aposta polo equilibrio medioambiental, polos beneficios para a industria e os fogares e por explorar todas as tecnoloxías dispoñibles.

Así o manifestou hoxe durante unha visita ao Centro de Control de Renovables de Naturgy na Coruña, desde onde monitoriza toda a súa xeración renovable en España e México, tanto solar, como eólica ou coxeración. En concreto, desde esas instalacións supervisa o funcionamento de 93 parques eólicos, 24 plantas fotovoltaicas e 5 de coxeración en España, ademais de dous parques eólicos en México; é dicir, unha potencia instalada de máis de 3,4 GW.

A conselleira puxo en valor que Galicia sexa “o centro neurálxico” desde onde a compañía xestiona integramente toda a súa capacidade renovable. Neste sentido, agradeceu o seu nivel de compromiso e apuntou que, tal e como xa avanzaron desde o grupo, Naturgy ten previsto investir na comunidade nos vindeiros anos 740 M€ en redes e na repotenciación de tres parques eólicos.

Lorenzana destacou que o potencial de Galicia para liderar a transición enerxética demóstrano os datos, ao ser a terceira comunidade autónoma en España coa cota de xeración renovable máis alta (17.987 GWh producidos en 2023). E tamén o feito de contar un modelo propio sustentado na Lei de recursos naturais.

Ao respecto, lembrou que o Consello da Xunta aprobou esta mesma semana o inicio da tramitación do futuro Plan sectorial eólico, que responde a varios obxectivos entre os que destacou: establecer novos límites de potencia máxima ao ter case superados os do antigo plan; revisar as zonificacións, de xeito que as áreas de desenvolvemento enerxético vaian en liña coas áreas de desenvolvemento industrial; apostar pola nova tecnoloxía eólica e a repotención para diminuír o número de aeroxeradores; e que se beneficien empresas e consumidores dun prezo eléctrico máis barato. Nesta liña, indicou que se van constituír dúas mesas de traballo cos axentes sociais e do sector para comezar a dar os primeiros pasos neste sentido.

Últimas novas