Lorenzana reclama que a nova planificación eléctrica estea aprobada canto antes porque “é urxente” para o desenvolvemento industrial de Galicia
Lorenzana reclama que a nova planificación eléctrica estea aprobada canto antes porque “é urxente” para o desenvolvemento industrial de Galicia
Confirma que recolle parte das alegacións presentadas pola Administración galega, aínda que deixa outras actuacións pendentes que a Xunta agarda que estean recollidas “nesta ou nas seguintes modificacións”; entre elas, a zona da Plisan e a área central da provincia de Lugo
Pide axilidade na tramitación e na execución das obras, e que se acompase todo ese reforzo da rede ao desenvolvemento de solo industrial que se está rexistrando na Comunidade
Madrid, 27 de setembro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, solicitou hoxe ao Goberno “a necesaria celeridade” para que a nova planificación da rede de transporte eléctrico deseñada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico estea aprobada canto antes, porque “é urxente” para o desenvolvemento industrial “tan forte” que está a ter Galicia.
Lorenzana participou hoxe nunha reunión de traballo co secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard, acompañada do secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, onde se avaliou o estado de tramitación da nova planificación.
“Por un lado, se nos confirma que a intención é que finalice a tramitación e se poida aprobar a nova planificación a finais de ano”, manifestou Lorenzana ao finalizar a xuntanza, para indicar que o proxecto recolle parte das alegacións presentadas por Galicia, aínda que deixa outras pendentes que a Xunta agarda que estean recollidas “nesta ou nas seguintes modificacións”.
En particular, quedan sen atender, e son zonas “prioritarias”, a área da Plisan e toda a conexión entre a provincia de Pontevedra e a de Ourense. Tamén a zona central de Lugo, que conecta coa provincia da Coruña, e o enganche con Curtis, “unha zona moi industrial e que agora non está reforzada”, dixo.
Con respecto á Plisan, que non ten conexión suficiente, a Xunta solicitou que se busque unha solución. “É necesario que nesta ou na seguinte modificación puntual, de xeito urxente, se acometa ese investimento”, remarcou.
Lorenzana lanzou unha dobre petición: axilidade na tramitación e na execución das obras, e que se acompase todo ese reforzo da rede ao desenvolvemento de solo industrial que se está rexistrando en Galicia. De feito, a conselleira entregou a planificación para o período 2025-2030 que a Xunta está a desenvolver neste ámbito, co fin de que se busquen os mecanismos necesarios para garantirlles subministración eléctrica ás industrias. “É clave a axilidade, tanto na tramitación como na execución das obras para que de aquí ao ano 2030 estea a rede reforzada”, concluíu.