Lorenzana sinala que o Goberno “chega tarde” para aprobar a nova planificación da rede de transporte eléctrico porque están en xogo miles de postos de traballo

Lorenzana sinala que o Goberno “chega tarde” para aprobar a nova planificación da rede de transporte eléctrico porque están en xogo miles de postos de traballo

Apunta que neste momento hai en Galicia dez proxectos industriais en distintas fases de tramitación, algúns xa autorizados, pendentes exclusivamente de que se reforce a rede de transporte eléctrico e detrás dos cales “hai miles de postos de traballo”.  “Son 1.200 MW que non están atendidos na planificación actual nin na súa modificación”, remarca

Subliña que se o Goberno implanta as redes de transporte e distribución axeitadas ao potencial eólico galego, tal e como demanda o Executivo autonómico, poderíase aumentar a produción eólica actual ata un 124 %, o equivalente a 70 parques eólicos

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que o Goberno central “chega tarde” para aprobar a nova planificación da rede de transporte eléctrico 2025-2030, cuxo borrador debería estar publicado hai oito meses, dixo, e que é crucial “porque se poden perder miles de postos de traballo”.

Lorenzana interveu hoxe na xornada A dimensión enerxética do desenvolvemento industrial en Galicia: o reforzo da rede e a repotenciación eólica, organizada polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), onde insistiu na importancia que ten o reforzo da rede eléctrica tanto para evacuar a enerxía procedente de fontes renovables como para que os novos proxectos industriais, moitos deles intensivos en consumo de electricidade, teñan posibilidade de instalarse. 

Neste momento hai en Galicia dez proxectos industriais en distintas fases de tramitación, algúns xa autorizados, pendentes exclusivamente de que se reforce a rede de transporte eléctrico e detrás dos cales “hai miles de postos de traballo”, subliñou. “Son 1.200 MW que non están atendidos na planificación actual nin na súa modificación”, remarcou.

Segundo dixo, se o Goberno implanta as redes de transporte e distribución axeitadas ao potencial eólico galego, tal e como demanda o Executivo autonómico, poderíase aumentar a produción eólica actual ata un 124 %, o equivalente a 70 parques eólicos, reducindo o número de aeroxeradores ata un 76 % e mantendo a mesma ocupación de terreos actual.

Lorenzana concretou que, neste momento, a Xunta xa está traballando cunha primeira vintena de parques eólicos con máis de 25 anos de antigüidade que van ter que iniciar os trámites para a súa repotenciación nos vindeiros meses. Once deles teñen de prazo para presentar a súa solicitude de aquí a xuño do ano que vén e os oito restantes, que cumpriron os 25 anos en 2025, contan con 18 meses para facelo. Neste sentido, puxo en valor que, “unha meirande parte das compañías entenden que isto é necesario” e mesmo xa o están a facer de xeito voluntario.

Últimas novas