Rueda alerta de que unha decena de proxectos industriais están en risco en Galicia por falta de capacidade na rede eléctrica

Resalta a necesidade “urxente e real” de contar cunhas infraestruturas eléctricas “modernas, robustas e adaptadas” ás industrias do futuro
Lembra que Galicia “é unha potencia enerxética”, onde o 85% da xeración eléctrica procede de renovables
Apunta ás iniciativas da Xunta para garantir os beneficios da produción enerxética en territorio propio, como a Lei de Recursos Naturais ou a repotenciación dos parques eólicos, entre outras
Asegura que o progreso económico debe asentarse en dous pilares: potenciar o tecido produtivo e apostar pola I+D+i
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu esta mañá durante o foro Galicia hacia el futuro, organizado por Europa Press Galicia, da existencia de polo menos dez proxectos industriais de gran envergadura que se atopan actualmente en risco de non poder desenvolverse debido á insuficiente capacidade de conexión á rede eléctrica. “Contar cunha rede moderna, robusta e adaptada” ás necesidades das industrias do futuro “é algo fundamental”, indicou.
Rueda resaltou que reforzar as actuais infraestruturas eléctricas na comunidade e mellorar a evacuación das enerxías renovables é unha necesidade “real e urxente” para o tecido produtivo xa que, manter as actuais condicións, supón unha ameaza directa para o crecemento económico e a atracción de investimentos na comunidade.
O presidente lamentou que o Goberno non teña en conta ás necesidades dos territorios á hora da planificación eléctrica e sinalou que a escaseza de infraestruturas adecuadas está a provocar non só a paralización de iniciativas xa formuladas, senón tamén a perda de oportunidades que nin sequera chegan a materializarse debido á falla de incentivos que representa este déficit para os potenciais investidores. “Galicia ten capacidade para xerar enerxía, estabilidade política e man de obra cualificada pero falta mellorar a rede eléctrica”, resaltou.
Durante a súa intervención, o titular do Goberno galego destacou que “Galicia é unha potencia enerxética” consolidada, con case un 85% da súa xeración eléctrica procedente de fontes renovables en 2024, “liderando sectores como a eólica, a hidroeléctrica” e a biomasa. Subliñou tamén a importancia de avanzar cara unha transición enerxética xusta, na que os territorios xeradores obteñan retorno en forma de emprego, infraestruturas e capacidade de decisión. “Galicia non pode seguir a ser un xerador silencioso de enerxía en España, temos que aproveitar esta oportunidade”, indicou.
Rueda volveu reclamar ao Goberno central actuacións concretas para garantir a continuidade do desenvolvemento industrial de Galicia, entre elas o reforzo da rede eléctrica, a definición de corredores estratéxicos que teñan en conta as capacidades locais e unha redistribución xusta dos retornos fiscais.
Desde a Xunta, asegurou o xefe do Executivo autonómico, seguiranse impulsando políticas activas para garantir que os beneficios da produción enerxética revertan no territorio. Entre outras iniciativas, mencionou a Lei de Recursos Naturais de Galicia, a repotenciación dos parques eólicos e o deseño dun novo plan sectorial que permita máis potencia instalada en menos superficie e con maior seguridade xurídica.
Claves da Galicia do mañá
Apelando ao título da xornada -Galicia hacia el futuro-, o presidente asegurou que “o progreso económico” de Galicia aséntase “en dous piares”. Por unha parte, facilitar o crecemento empresarial na comunidade da man “das industrias do futuro” e, por outra, “non descoidar o I+D+i”. “Un país que non investiga é un país que queda atrás”, resaltou.