Rueda anuncia que a Xunta inicia a tramitación do novo Plan sectorial eólico e poñerá en marcha dúas mesas de traballo cos axentes sociais e co sector

Salienta que se busca “actualizar” a actual folla de ruta, “elaborada hai máis de 20 anos” e que a previsión é ter un borrador “no segundo semestre”deste 2025
O futuro plan permitirá avanzar no abaratamento da factura eléctrica a empresas e consumidores galegos, continuando co esforzo do Goberno galego por garantir que a xestión da riqueza do patrimonio natural se traduza tamén en riqueza social, en liña coa Lei de recursos naturais de Galicia
O novo documento revisará e actualizará as actuais áreas de desenvolvemento eólico consonte coas áreas de desenvolvemento industrial e tendo en conta as zonas de protección ambiental e o desenvolvemento urbanístico
A conselleira de Economía indica que o novo documento estará listo “no prazo de tres anos”
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou o inicio da tramitación do novo Plan sectorial eólico de Galicia (PSEG) coa finalidade de “actualizar” o documento actual, “elaborado hai máis de 20 anos”. “A previsión é licitar o contrato para a súa redacción no primeiro semestre deste ano”, indicou.
Este Plan en liña coa nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia e coas iniciativas incluídas na Lei de medidas, permitiralle ao Goberno galego seguir avanzando no despregamento desta fonte de enerxía renovable ao tempo que se abarata o prezo eléctrico para as empresas e os consumidores galegos. O presidente asegurou que se enmarca no obxectivo de Galicia de “apostar polas enerxías limpas” que supoñen “unha oportunidade” que a comunidade non “pode deixar pasar”.
Así mesmo, e de xeito paralelo, Rueda indicou que a Xunta “porá en marcha dúas mesas de traballo” cos axentes sociais e coas entidades do sector co fin de consensuar os principais puntos que deberá integrar o novo plan.
A elaboración do novo Plan sectorial eólico de Galicia obedece á necesidade de adaptar a realidade galega ás últimas modificacións lexislativas europeas ao tempo que se dota de seguridade xurídica adicional o desenvolvemento enerxético na Comunidade. Así mesmo, o futuro PSEG revisará e actualizará as actuais áreas de desenvolvemento enerxético coas áreas de desenvolvemento industrial, atendendo tamén ás zonas de protección ambiental e ao desenvolvemento urbanístico.
A nova ferramenta de ordenación do sector eólico galego incluirá entre as directrices básicas nas que se vai asentar un dos obxectivos irrenunciables para o Goberno galego: a diminución do custo da factura eléctrica dos galegos e das galegas, tanto dos consumidores como das empresas.
Neste marco, está prevista a posta en marcha de dúas mesas de traballo: unha coas entidades máis representativas do sector eólico na Comunidade e, no marco do diálogo social, crearase un grupo de traballo específico sobre eólica que dependerá da Mesa da Industria. En ambos os foros se traballará ao redor de varios eixos, entre eles:
- Posibilidades de creación dunha industria de compoñentes
- Análise das zonas con potencial eólico
- Repercusións da repotenciación nos propietarios dos terreos afectados
- Redución dos custos enerxéticos para os consumidores
- Reconversión do sector: mantemento e creación de postos de traballo
Tal e como explicou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, coa tramitación iniciada hoxe, Galicia poderá contar cun novo plan sectorial “no prazo de tres anos”. Un procedemento transparente, aberto á cidadanía e que require de avaliación ambiental estratéxica e consulta e audiencia a todos os posibles actores interesados no procedemento.
O vixente Plan sectorial eólico de Galicia foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 5 de decembro de 2002 (modificado polo Acordo do Consello da Xunta do 2 de xuño de 2005). Tal e como explicou Lorenzana, neste período, a evolución da tecnoloxía eólica foi moi significativa, o que modifica substancialmente o potencial aproveitable en Galicia con respecto ao que se consideraba no momento da súa aprobación. “Os 190 parques en funcionamento teñen unha potencia de 3.901 Mw, o que sumados aos que están en tramitación indica que estamos a piques de superar o obxectivo marcado no Plan actual”, indicou Lorenzana, quen explicou que Galicia “ten capacidade suficiente para unha maior potencia”.
Asemade, como indicou Rueda, o novo PSEG contará, consonte a normativa actual, “con avaliación ambiental estratéxica”, o que suporá unha maior garantía ambiental para a cidadanía e para os promotores.