Rueda resalta o labor de profesionais das emerxencias, da sanidade e da seguridade que permitiron que Galicia superase o apagamento sen incidencias graves

Uns 300 axentes da Policía Autonómica, 700 membros das brigadas forestais e máis de 230 agrupacións de voluntarios de protección civil foron mobilizados na comunidade
A eles hai que sumar efectivos de Garda Civil, Policía nacional, policías locais, UME e servizos de emerxencias locais e provinciais.
Os hospitais atenderon máis de 2.000 urxencias, 39 nacementos e realizaron 600 cirurxías durante as horas sen subministro eléctrico
O 061 recibiu máis de 2.300 chamadas e realizou un millar de intervencións
As residencias de maiores e centros de atención a discapacidade rexistraron unha trintena de incidencias, ningunha grave, coma solicitar oxíxeno ou combustible
Os primeiros estudos estiman en 200 M€ as perdas das empresas e a industria galega polo apagamento
Demanda ao Goberno central coñecer “canto antes” as causas para evitar que se repita
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu hoxe o labor de todos os profesionais que traballaron durante o apagamento rexistrado a semana pasada que permitiron que puntos claves, coma os centros sanitarios ou as residencias de maiores, funcionaran con case normalidade e evitaron que as consecuencias da falta de subministro eléctrico “fosen aínda moito máis graves”. Segundo sinalou o presidente, a prioridade “era manter o funcionamento dos servizos públicos esenciais”.
O titular do Executivo galego informou de que tal e como amosa un informe sobre o apagamento, hoxe presentado no Consello, ao longo da crise foron mobilizados máis dun millar de profesionais de diferentes eidos na comunidade. Entre eles, 300 axentes da Policía Autonómica, 700 membros das brigadas forestais, máis de 230 agrupacións de voluntarios de protección civil así como bombeiros, técnicos de emerxencia e o persoal dos corpos e forzas de seguridade – Garda Civil, Policía nacional, policías locais ou UME-, entre outros.
No eido sanitario, Rueda destacou que os hospitais puideron continuar coa súa actividade -priorizando as urxencias- grazas ao correcto funcionamento dos xeradores aos que se lles subministraron ata 73.100 litros extra para garantir a súa continuidade no caso de que se alongase a falta de electricidade.
Os datos indican que os hospitais galegos “atenderon máis de 2.000 urxencias e naceron 39 nenos e nenas”. Realizáronse case 600 cirurxías, tendo que suspender 259, todas elas programadas e de carácter non urxente. En canto ao 061, recibiu máis de 2.300 chamadas e levou a cabo case un millar de intervencións, entre elas a asistencia a 121 persoas que presentaban problemas respiratorios ou necesitaban oxíxeno nos seus domicilios; 24 accidentes de tráfico e 11 ictus.
Rueda tamén resaltou que as residencias e centros de atención a discapacidade rexistraron "unha trintena de incidencias” durante o apagamento, “ningunha grave”, vencelladas á necesidade de subministro de combustible, de grupos electróxenos ou de oxíxeno para algún paciente.
O presidente agradeceu o labor dos membros das brigadas de montes, protección civil e a Garda Civil que, ante as dificultades para comunicarse cos centros, desprazáronse de forma presencial por todos eles para ver se necesitaban algo.
No eido educativo, Rueda lembrou que a Xunta decidiu manter os colexios, institutos e escolas infantís abertas, pero sen actividade lectiva para “facilitar a conciliación familiar”. Os datos amosan que a gran maioría do alumnado non se desprazou ao seu centro: só o 3,5% no caso das escolas infantís e o 2,5% no resto.
Consecuencias para o tecido produtivo
As primeiras análises do Foro Económico de Galicia estiman en 200 millóns de euros as perdas das empresas e industrias galegas pola parada da produción, danos na maquinaria, perda do stock ou merma das vendas ao ter que pechar durante esa xornada como ocorreu no comercio.
Entre os eidos que rexistraron máis incidencias destacan as industrias que dependen de compañías auxiliares como pode ser a automoción e nas que o apagamento causou unha ruptura dos subministros.
Coñecer as causas
Rueda agradeceu a colaboración e coordinación co Goberno central durante a fase na que a emerxencia estaba en nivel 3 en Galicia e sinalou que o Goberno galego vai “elevar unha serie de propostas de mellora” de cara a “intentar estar o mellor preparados posible”. Non obstante, tamén instou a coñecer canto antes “explicacións sobre o que aconteceu” para ter claras “as causas do problema”, algo fundamental tanto para solucionalo se volve suceder como para evitar que se volva producir.