A Xunta avoga por unha minería sustentable, que favoreza o asentamento de poboación e actúe como motor da economía galega

A Xunta avoga por unha minería sustentable, que favoreza o asentamento de poboación e actúe como motor da economía galega

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, inaugura hoxe a xornada técnica Concurso de dereitos mineiros en Galicia

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2025

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, avogou hoxe por unha minería sustentable, que favoreza o asentamento de poboación e actúe como motor da economía galega.

Fernández Vila inaugurou a xornada técnica Concurso de dereitos mineiros en Galicia onde subliñou que o mineiro é un sector esencial que prové de materias primas a outras industrias estratéxicas. Neste momento, Galicia xa representa o 8,2 % da produción mineira de España e “somos a 3ª Comunidade en emprego mineiro, con preto de  3.400 postos de traballo directos na nosa industria extractiva”, dixo.

Nesta liña puxo en valor a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que fagan uso dos recursos naturais de Galicia que pretende garantir a riqueza social e económica para os territorios onde se implanten proxectos como poden ser os mineiros. Ademais, destacou que o texto vela por que as explotacións mineiras sigan asegurando a xeración de beneficios nos concellos: xerando emprego de calidade, fixando poboación, e promovendo unha extracción sustentable.

Finalmente, o director xeral de Planificación e Minas, subliñou o compromiso da Xunta con este sector, e lembrou que a Xunta xa publicou a convocatoria do concurso de dereitos mineiros que estaban caducados nas catro provincias galegas. Os adxudicatarios do concurso terán dereito a tramitar os respectivos permisos de investigación neses dereitos caducados, a fin de poder realizar investigacións orientadas a determinar se existen recursos minerais de interese nesa zona.

Con isto, o Goberno galego atende unha das principais reivindicacións do sector mineiro galego ao tempo que Galicia se aliña coa normativa comunitaria que busca reducir a dependencia do exterior das materias primas fundamentais, a simplificación administrativa e o fomento da innovación ao longo de toda a cadea de valor.

Últimas novas