A Xunta confirma a súa aposta polas renovables para reducir a dependencia enerxética do exterior

Subliña que a nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia permitirá avanzar neste camiño cara á descarbonización e o autoabastecemento
Reclama o papel das zonas experimentais de enerxías mariñas para avanzar no desenvolvemento dun sector “fundamental” no binomio enerxía-industria, pero garantindo sempre a coexistencia e compatibilidade co medio mariño e coa actividade xa implantada
Destaca o labor do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) na xestión dos certificados autonómicos de aforro enerxético (CAEs) e compromete a continuidade dos apoios do Goberno galego no proceso de transición cara unha mobilidade máis eficiente
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2024
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na inauguración do congreso Energy Days organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal). O acto, celebrado na Cidade da Cultura, no que se reuniron máis de 120 profesionais do sector industrial e enerxético, abordou temas como a eficiencia enerxética, a mobilidade eléctrica ou a dixitalización.
Durante a súa intervención, Fernández Vila incidiu na importancia de apostar polas enerxías renovables nun territorio rico nestes recursos coma é Galicia e, deste xeito, seguir reducindo a dependencia enerxética do exterior. Nesta liña, a nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia impulsada pola Consellería de Economía e Industria servirá de aval para que esa riqueza natural se transforme en riqueza social, garantindo que os proxectos que aproveiten os recursos naturais beneficien á cidadanía galega.
Na mesma liña, o director xeral de Planificación enerxética e minas apuntou a importancia das zonas experimentais de enerxías mariñas para avanzar nun sector “fundamental dentro do binomio enerxía-industria”, pero garantindo sempre a coexistencia e compatibilidade co medio mariño e coa actividade xa implantada . “Contar cunha área de ensaio onde levar a cabo actividades que favorezan o desenvolvemento tecnolóxico e de estudios relacionados co medio mariño, a biodiversidade e os recursos enerxéticos renovables nos permitirá seguir avanzando nos eidos enerxético, medioambiental e socioeconómico”, asegurou. E, ao fío, lamentou que o Real decreto que regula o réxime autorizatorio da eólica mariña “chegue con dous anos de retraso e continúe sen dar seguridade xurídica ao sector”.
Sobre a mobilidade sustentable, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas confirmou que a Xunta seguirá apoiando o proceso de transición a vehículos máis eficientes, incentivando a demanda con máis axudas e menos burocracia e cunha maior planificación e investimento en infraestruturas e redes de abastecemento e transporte.
Por outra banda, Pablo Fernández Vila salientou o labor do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) como xestor dos certificados autonómicos de aforro enerxético. Ata o momento, o Inega aceptou solicitudes que representan arredor de 30 GWh de potencia.
Por último, o director xeral fixo referencia á dixitalización, onde a intelixencia artificial é unha das principais protagonistas. Neste punto, compartiu a necesidade de dispoñer dun marco ético recoñecible, seguro e aceptado por todos para o seu axeitado desenvolvemento. Por iso, a Xunta está tramitando a Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, que converterá á Comunidade na primeira rexión europea en dispoñer dunha regulación única, sistemática e coherente cos principios comunitarios na materia.