A Xunta destaca como as empresas galegas están integrando a cultura da eficiencia enerxética, e pon Levgranite como exemplo
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitou hoxe esta empresa especializada na comercialización de granito, beneficiaria da liña de axudas que, novamente este ano, a Xunta acaba de convocar para promover o aforro e a eficiencia enerxética no tecido empresarial
Carballo (A Coruña), 18 de xullo de 2024
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitou hoxe Levgranite, unha das empresas galegas beneficiarias da liña de axudas que, novamente este ano, a Xunta acaba de convocar para promover o aforro e a eficiencia enerxética no tecido empresarial.
A nova convocatoria publicada esta mesma semana no Diario Oficial de Galicia conta cun orzamento de 7,5M€, financiado con fondos comunitarios do programa operativo Feder-Galicia 2021-2027, e a previsión é chegar a mobilizar ata 30M€ de investimento público-privado. A axuda máxima por empresa beneficiaria será de 2M€ en función do aforro enerxético xustificado, e estímase que contribúan a xerarlles aforros económicos de 4,5M€ anuais no seu abastecemento enerxético.
No caso de Levgranite, especializada na comercialización ao por maior de granito, resultou beneficiaria na anterior edición destas axudas, que destinou á renovación da iluminación dunha nave de exposición de 1.500 m², na cal se substituíron 36 campanas de 400W cada unha por 36 lámpadas con tecnoloxía led. Recibiu unha axuda de case 3.000 euros para un investimento total de 11.000 euros que lle vai permitir aforrar 30,7 MWh ao ano, un 75% do consumo eléctrico inicial.
Ademais da de Levgranite, outras solicitudes recibidas en convocatorias anteriores son para renovación de maquinaria industrial como compresores de aire ou equipos de frío, a instalación de variadores de frecuencia en motores e economizadores en caldeiras, o aproveitamento de enerxías residuais mediante intercambiadores de calor, instalacións de aproveitamento de enerxía xeotérmica e aerotérmica para climatización, a realización de auditorías enerxéticas e a implantación de equipos de medida e sistemas de procesado de datos para a optimización do consumo enerxético.
Estímase que as axudas convocadas permitirán a creación ou mantemento de 173 postos de traballo, entre directos e indirectos, un aforro anual de enerxía equivalente a 5,1 millóns de litros de gasóleo (52.000 MWh/ano), e unha redución de emisións equivalente á plantación de 825.000 árbores (16.500 t).
Nos últimos once anos, a Xunta leva concedido 1.640 subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nos sectores industria, servizos e agrícola cun orzamento total de 55,6M€. O aforro de enerxía final asociado equivale ao consumo eléctrico de 185.000 fogares (47.300 tep/ano); e a redución de emisións, á plantación de 6,7 millóns de árbores (a 136,4 kt/ano).