A Xunta destaca a importancia da formación para a seguridade e saúde laboral no sector da minería

A Xunta destaca a importancia da formación para a seguridade e saúde laboral no sector da minería

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, clausurou hoxe o II Seminario de operacións e mantemento, organizado por Finanzauto

Sinala que os retos do sector pasan por promover unha extracción sustentable e apostar polo autoabastecemento

Bergondo (A Coruña), 12 de novembro de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe a importancia da formación para garantir a seguridade e a saúde laboral no sector da minería, tal e como promove a Axenda de Impulso da Minería Sostible de Galicia 2030.

Fernández Vila clausurou hoxe o II Seminario de operacións e mantemento, organizado por Finanzauto, onde apuntou que a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, publicada onte, busca dar pulo ao desenvolvemento do sector mineiro.

Trátase, dixo, de promover unha extracción sustentable, xerar emprego de calidade e fixar poboación no rural, pero tamén, engadiu, de avogar polo autoabastecemento. “Debemos apostar, conforme ao regulamento europeo de materias primas críticas, polo autoabastacemento e a redución da dependencia de minerais do exterior; e máis cando temos no noso territorio minerais moi demandados”, argumentou.

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas considerou clave que a industria mineira realice unha labor extractiva de xeración de riqueza no territorio e compatible medioambientalmente. “Esta é a máxima da Xunta cando se tramita un proxecto mineiro, incluso aínda que sexa proxecto industrial estratéxico”, dixo, para remarcar que a Xunta avaliará co máximo rigor todos os proxectos que se sometan aos informes dos seus organismos sectoriais.

Últimas novas