A Xunta impulsará a constitución de comunidades enerxéticas e axudará aos concellos galegos a reducir a súa factura
Dotada con 600.000 euros, esta nova liña de axudas pretende ser un apoio no contexto actual de volatilidade do custo enerxético
O prazo de solicitude estará aberto desde o 28 de marzo ata o 15 de xuño
No caso das entidades locais, cubrirase o asesoramento técnico e xurídico para a mellora da eficiencia enerxética, así como a promoción de contratos centralizados de compra de enerxía
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as bases da nova liña de axudas destinada á planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, unha convocatoria que permitirá reducir as súas facturas nesta materia e que abrirá o prazo de solicitude o vindeiro 28 de marzo.
Cun orzamento de 600.000 euros, a Administración autonómica pretende apoiar aos concellos galegos nun momento de elevada volatilidade do custo enerxético e que está a provocar que estas entidades estean tendo problemas á hora de contratar a subministración; ao mesmo tempo que se impulsa o asociacionismo de todos os axentes da sociedade en comunidades enerxéticas para que participen no deseño e promoción de solucións locais que contribúan a un consumo responsable e sustentable.
Deste xeito, mediante a planificación enerxética de concellos, preténdese que as entidades locais teñan un papel protagonista nesta transición, apoiando tanto a contratación de servizos xurídicos ou técnicos precisos para a elaboración dun estudo estratéxico, como para promover a contratación centralizada. A intensidade da axuda dependerá do número de concellos que se agrupen na solicitude e irá do 30 ao 70%, cun 15% adicional se se trata de concellos de menos de 5000 habitantes ou de concellos fusionados e un 10% se son emprendedores. Será dun máximo de 15.000 euros por concello e, no caso de entidades locais que representen a varios municipios, o máximo aumentará ata os 150.000.
En canto á planificación de comunidades enerxéticas, cubriranse os custos da contratación dos servizos de asistencia para definir as infraestruturas enerxéticas necesarias, así como a elaboración ou ampliación de estatutos, pois tamén se poden presentar solicitudes previas á constitución destes entes. Neste caso, a intensidade será do 80% cun máximo de 15.000 euros.
Os solicitantes poden escoller libremente as empresas que as asesoren. O Inega, dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, elaborará unha listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de planificación enerxética ás entidades locais e comunidades enerxéticas que publicará na súa páxina web. O prazo para acceder a este apoios, que se resolverán por orde de solicitude, manterase aberto ata o 15 de xuño.
Redexga
Con esta convocatoria, a Xunta avanza nos obxectivos da Axenda Enerxética de Galicia 2030 que recolle o impulso de comunidades enerxéticas tanto no desenvolvemento de enerxías renovables para a descarbonización dos diferentes sectores, como no incremento do aforro e mellora da súa xestión. Complementa, ademais, proxectos como a primeira comunidade enerxética empresarial que se está promovendo en Tecnópole (San Cibrao das Viñas) e que ten como finalidade instalar paneis solares cunha potencia de 2MW para beneficiar, inicialmente, a 70 empresas.
Por outra banda, tamén responde ao compromiso recollido no Plan de aforro e eficiencia enerxética no sector público e autonómico 2022-2024 que contemplaba a extensión dos contratos centralizados, como os de Redexga, aos concellos.
Grazas a este tipo de contratación a Xunta de Galicia logrou aforrar, entre 2020 e 2022, un total de 81,53 millóns de euros na subministración eléctrica e 48,14 na de gas natural con respecto ao que se tería pagado de non existir Redexga.