A Xunta lanza unha nova convocatoria para implantar novas comunidades enerxéticas e impulsar o aforro enerxético a través das enerxías renovables

A Xunta lanza unha nova convocatoria para implantar novas comunidades enerxéticas e impulsar o aforro enerxético a través das enerxías renovables

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na presentación oficial do inicio das obras da comunidade enerxética Romarigo, que promove o concello pontevedrés de Cangas de Morrazo

Cangas de Morrazo (Pontevedra), 18 de xuño de 2026

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, avanzou esta mañá a próxima convocatoria da nova orde de axudas destinada á planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, que contará cun orzamento de 300.000 euros. “Unha figura esencial para fomentar a descarbonización, avanzar na implantación das enerxías renovables e impulsar a eficiencia e aforro enerxéticos – apuntou – e que nos permite xerar, consumir e compartir enerxía limpa de maneira local”.

Fernández Vila participou esta mañá no acto de presentación do inicio dos traballos da comunidade enerxética Romarigo, que promove o concello pontevedrés de Cangas de Morrazo gracias a unha axuda do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). Unha infraestrutura fotovoltaica que contará cunha potencia nominal de 100 kW e 130 kW de potencia pico, e que dará servizo directo aos 37 socios actuais, conformados por familias e negocios locais de Cangas. En conxunto, a comunidade se poderá beneficiar dun aforro anual superior aos 15.000 euros.

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas destacou o esforzo de Galicia por avanzar cara a un futuro máis verde e autosuficiente. “Coa instalación de paneis fotovoltaicos e a creación de comunidades enerxéticas estamos a transformar o noso modelo para garantir un menor custo e un maior respecto pola nosa contorna”, asegurou ao tempo que subliñou estas novas fórmulas como o mellor xeito de xerar emprego e fixar riqueza na contorna.

Finalmente, Pablo Fernández Vila lembrou as diversas liñas de axuda que impulsa o Goberno galego para “aliviar o esforzo económico e abaratar as facturas mensuais, ao tempo que aseguramos unha maior independencia fronte ás fluctuacións do mercado exterior”. E, ao fío, avanzou que a nova convocatoria para comunidades enerxéticas publicarase a vindeira semana no Diario Oficial de Galicia (DOG). 

Últimas novas