A Xunta mantén aberta unha convocatoria de axudas para que o sector agrícola primario optimice o seu consumo enerxético e aposte polas renovables
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila visitou hoxe a explotación agropecuaria SAT Ladeira, unha das empresas beneficiarias en anos anteriores
Os novos apoios poden solicitarse ata o vindeiro 30 de maio
A Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), mantén aberta unha convocatoria de axudas dotada con 1,27 millóns de euros coa finalidade de que empresas e autónomos do ámbito agrícola primario poidan optimizar o seu consumo enerxético e desenvolver proxectos de enerxías renovables eléctricas. En concreto, apoiarase a promoción de enerxía renovable eléctrica mediante instalacións fotovoltaicas ou minieólica, e actuacións de mellora da eficiencia enerxética.
Estes apoios poden solicitarse ata o vindeiro 30 de maio e favorecerán a mobilización de 4,3 millóns de euros e un aforro de enerxía anual equivalente a 264.000 litros de gasóleo. As persoas beneficiarias aforrarán uns 400.000 euros ao ano no abastecemento enerxético grazas a estes apoios, mentres que o impacto na redución de CO2 é o equivalente a plantar 36.000 árbores.
A través desta convocatoria financiada con fondos FEADER, serán subvencionables actuacións que se executen en zonas rurais e teñan un investimento mínimo de 5.000 euros por solicitude (IVE non incluído).
O obxectivo é o de reducir os custos enerxéticos e a factura de enerxía das empresas e autónomos do sector agrícola primario galego para mellorar a súa competitividade, diminuír o consumo de enerxías convencionais para reducir a dependencia enerxética dos derivados de petróleo, aumentando a eficiencia enerxética e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible, e propiciar unha mellora socioeconómica das áreas rurais e a súa protección ambiental.
Visita a SAT Ladeira beneficiaria de axudas
No marco do apoio ao sector agrícola primario, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitou hoxe a explotación agropecuaria SAT Ladeira situada en O Páramo (Lugo). Esta explotación resultou beneficiaria en anos anteriores con axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética en este tipo de explotacións.
A subvención concedida ascende a case 207.000 euros para un investimento de 680.000 euros e permitiu que a empresa SAT Ladeira leve a cabo nas súas instalacións actuacións de mellora enerxética. En concreto, a explotación agropecuaria substituíu as salas de muxir por robots de muxido e mudou tamén os sistemas de iluminación interior.
Estas actuacións están cofinanciadas pola Unión Europea, a través do Fondo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).