A Xunta reclama a conexión de Galicia ao corredor ibérico de hidróxeno verde

A Xunta reclama a conexión de Galicia ao corredor ibérico de hidróxeno verde

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participa no encontro organizado pola Asociación Galega do Hidróxeno para analizar o Call for Interest  desta infraestrutura

Defende que a inclusión do ramal galego como parte do Corredor Ibérico do Hidróxeno é fundamental para poder unirse ao H2Med e avanzar na descarbonización 

Destaca a importancia deste vector enerxético para Galicia, con presenza tanto en proxectos industriais estratéxicos como noutros impulsados polo Goberno galego

Oleiros (A Coruña), 26 de novembro de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá no encontro organizado pola Asociación Galega do Hidróxeno en Oleiros para analizar a Call for Interest do corredor europeo de hidróxeno verde H2Med. Durante a súa intervención, amosou o apoio do Goberno galego ao proxecto H2Med e reclamou a conexión do ramal Guitiriz-Zamora ao Corredor Ibérico do Hidróxeno.

Fernández Vila incidiu na importancia de conectar Galicia co resto de España para o transporte de hidróxeno verde cara a Europa, xa que a conexión Guitiriz-Zamora, da cal defende a súa extensión ata A Coruña, quedou inicialmente fóra da primeira listaxe de Proxectos de Interese Común (PCI). A inclusión do ramal galego como parte do Corredor Ibérico do Hidróxeno na actual convocatoria dos PCI, defendeu, é fundamental para poder unirse posteriormente ao H2Med e, deste xeito, avanzar nos obxectivos de descarbonización da Unión Europea.

Sobre o corredor europeo de hidróxeno H2Med, chamou a comprender a importancia dunha infraestrutura que pode aportar valor e capacidade de produción de hidróxeno para exportar cara ao norte e centro de Europa. O director xeral de Planificación Enerxética e Minas convidou a todos os interesados a participar na Call for Interest a través da plataforma en liña H2Digital, onde poden rexistrar ata o 18 de decembro  as súas iniciativas para optimizar o deseño e os requisitos operativos do corredor que conectará a Península Ibérica con Alemaña.

Por último, destacou a importancia do hidróxeno verde para Galicia, presente, por exemplo, en proxectos industriais estratéxicos como Triskelion, H2 Pole ou Arteixo H2V. Do mesmo xeito, a Xunta de Galicia tamén impulsa este sector con proxectos que poden ir desde un curso online sobre a normativa sectorial do hidróxeno verde, organizado polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), ata a articulación dun ecosistema transfronteirizo que impulse unha cadea de valor arredor do hidróxeno verde en na Comunidade galega e o Norte de Portugal.

Últimas novas