A Xunta reclama en Portugal que o Goberno central atenda as súas peticións para o desenvolvemento da eólica mariña
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, clausura a en Viana do Castelo (Portugal) unhas xornadas sobre o sector
O Goberno galego reitera a súa aposta por un desenvolvemento da eólica mariña que garanta a coexistencia e a súa compatibilidade co medio
Solicita medidas compensatorias para os sectores afectados e un proceso de poxas que teña en conta as menores afeccións ao sector pesqueiro e que incentive o traballo dos axentes locais
Destaca iniciativas en colaboración con Portugal como Aowinde e outras lideradas pola Administración galega como a plataforma experimental de Punta Langosteira ou a creación do Observatorio da Eólica Mariña
Viana do Castelo (Portugal), 28 de novembro de 2024
O Goberno galego aposta por un desenvolvemento da eólica mariña que garanta a coexistencia con outros sectores e a compatibilidade co medio. Así o afirmou o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, durante a clausura da xornada sobre eólica mariña celebrada en Viana do Castelo. A pesar desta aposta, reclama que o Goberno central atenda as peticións da Xunta, realizadas en consonancia co sector pesqueiro, para aproveitar o “enorme” potencial de Galicia neste ámbito.
Fernández Vila defendeu a necesidade de avanzar e non deixar pasar a oportunidade que a eólica mariña pode supoñer como elemento tractor de toda a cadea de valor, como xerador de riqueza e sinerxías co sector pesqueiro ou como apoio á industria local. Neste sentido, lamentou que o Goberno de España non atenda peticións da Xunta como a adopción de medidas compensatorias para sectores afectados coma o pesqueiro ou que o proceso de poxas non teña en conta outros criterios agás os económicos, como poden ser as menores afeccións á pesca ou os incentivos ao traballo dos axentes locais.
No acto organizado polo Instituto Politécnico de Viana do Castelo e a Fundaçao Repsol, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas loubou proxectos portugueses para o desenvolvemento do sector como o Windfloat Atlantic en Viana do Castelo, ou outros como Aowinde, nos que a Xunta colabora co país veciño para impulsar o crecemento da enerxía eólica mariña na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal mediante a colaboración público-privada.
Ademais, Fernández Vila resaltou importantes iniciativas que impulsa a Xunta, coma é o caso da plataforma experimental de Punta Langosteira (A Coruña). Unha iniciativa, salientou, que contará cun valor diferencial ao estar liderado pola Administración galega, xa que todos os datos que se obteñan faranse públicos e permitirán un maior coñecemento das afeccións ao medio mariño.
Por outro lado, o director puxo en valor a creación do Observatorio da Eólica Mariña como un foro de diálogo ou punto de encontro para analizar o impacto desta actividade e as posibilidades que ofrece o seu desenvolvemento en Galicia. Formado por representantes das consellerías competentes da Administración galega, polo sector pesqueiro e o industrial; o observatorio foi posto como exemplo de boas prácticas en Europa e xa hai intención de creala noutros territorios como as Illas Canarias. Isto, celebrou, amosa “sen dúbida o éxito da iniciativa que tivemos en Galicia”.
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou a implicación e a colaboración público-privada que comparten Galicia e Portugal e, por último, agradeceu a todos os axentes que colaboran no proceso para que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal avance e sexa máis verde e sustentable.