A Xunta reivindica unha minería verde e sustentable que actúe como motor da economía e favoreza o asentamento de poboación no rural galego

A Xunta reivindica unha minería verde e sustentable que actúe como motor da economía e favoreza o asentamento de poboación no rural galego

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, clausurou a xornada Arquitectura, construción e pizarra en Valdeorras, onde puxo en valor o importante desenvolvemento tecnolóxico deste sector nos últimos anos

O encontro foi inaugurado polo delegado territorial do Goberno galego en Ourense, Manuel Pardo, quen animou aos participantes a seguir traballando por unha industria estratéxica para a provincia

Ourense, 13 de maio de 2025

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, comprometeu esta mañá o apoio do Goberno galego ao sector mineiro,  “unha industria fundamental da economía galega que está a incorporar aos seus procesos de produción a innovación tecnolóxica pero sempre desde a máxima dunha minería sustentable e respectuosa co medio ambiente, coas persoas e co patrimonio”. Fernández Vila clausurou a xornada Arquitectura, construción e pizarra en Valdeorras, organizada polo clúster do sector e que contou para a súa apertura coa participación do delegado territorial da Xunta na provincia ourensá, Manuel Pardo Cid.

O director xeral lembrou que segundo se recolle nos Datos da Estatística Mineira, Galicia representa o 9,5% da produción mineira de España e segue a ser líder nacional en produción de pedra natural, tanto en lousa, como en granito. Nomeadamente, e no caso da lousa, destacou o seu carácter exportador, co 95 % da produción.

Fernández Vila subliñou a importante labor social da minería, “xa que contribúe dun xeito decisivo a fixar poboación no rural galego”, e o seu papel dinamizador “xerando de maneira directa máis de 2.400 empregos directos, cun 25 % de emprego feminino, e cerca de 10.000 postos de traballo indirectos”.

O director xeral tamén louvou o importante esforzo que está a realizar a industria mineira en Galicia para incorporar as novas tecnoloxías aos seus procesos produtivos, coa mellora das condicións de seguridade e a restauración do entorno. “Sen dúbida – dixo – unha mostra inequívoca do compromiso do sector coa xeración de riqueza a través de explotacións máis verdes e sustentables”. “Un camiño no que sempre contarán co apoio do Goberno galego”, rematou.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Ourense animou aos participantes na xornada a seguir traballando por unha industria estratéxica para a provincia, onde o sector da lousa representa o 27% das exportacións totais da rexión”.

Últimas novas