A Xunta subliña o potencial xeotérmico de Galicia e as oportunidades que ofrece no eido da innovación tecnolóxica e de xeración de emprego
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou en Nigrán nunha xornada sobre esta fonte de enerxía renovable que destaca pola súa estabilidade e sitúa á comunidade á vangarda do noroeste peninsular
Nigrán (Pontevedra), 19 de xuño de 2026
“Galicia posúe un potencial xeotérmico excepcional, que nos sitúa á vangarda de todo o Noroeste peninsular”. Con estas palabras o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñaba as enormes capacidades da comunidade galega na xeración desta fonte de enerxía renovable que se caracteriza por unha alta estabilidade durante todo o ano. “Estamos a falar – engadiu – dunha enerxía de xeración continua que non depende das condicións climáticas diarias, unha cualidade que moi poucas fontes limpas poden garantir”.
Fernández Vila participou esta mañá no municipio pontevedrés de Nigrán nas xornadas O reto de reducir costes enerxéticos na industria: xeotermia e eficiencia en Porto do Molle, cuxa organización correu a cargo do clúster do sector en colaboración co Instituto Enerxético de Galicia (Inega). Unha cita na que lembrou que o territorio galego conta cunha configuración xeolóxica no subsolo, rico en formacións graníticas, que achegan un recurso térmico idóneo: limpo, ininterrompido e local. “Un piar crave – dixo – na autosuficiencia enerxética que aspiramos conseguir, e un recurso que nos permite atender os tres grandes retos da política enerxética moderna: a descarbonización, a seguridade na subministración e a competitividade económica”.
O director xeral tamén se referiu ao amplo abano de oportunidades que abre esta fonte de enerxía no eido da innovación tecnolóxica e a creación de emprego cualificado ao contar cunha cadea de valor que abarca desde a investigación xeolóxica e a perforación, ata a enxeñaría de sistemas e o mantemento. “Empregos locais, arraigados ao territorio, que dinamizan a nosa economía e reteñen o talento en Galicia”, asegurou.
Pablo Fernández insistiu en que a estabilidade que ofrece a xeotermia convértea nun elemento especialmente valioso no ámbito da climatización e a produción de auga quente sanitaria e, por extensión, para reducir os custes enerxéticos e as emisións de gases efecto invernadoiro. E, ao fío, lembrou que o novo edificio administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano conta cunha instalación de xeotermia.
Finalmente, o responsable da área de Planificación enerxética lembrou que o Goberno galego impulsa diversas liñas de axuda destinadas a empresas, administracións locais e fogares para facilitar o investimento inicial que requiren este tipo de proxectos.