Plan Renove de electrodomésticos ano 2024 - IN414B, IN414C

Plan Renove de electrodomésticos ano 2024 - IN414B, IN414C

Inicio solicitude

Fin solicitude

Ano convocatoria

2024

Código(s):

IN414B, IN414C

Concorrencia:

Non competitiva

Fondos:

Propios

A continuación, descríbense brevemente as características principais desta liña de axudas en réxime de concorrencia non competitiva, aínda que a información que se considerará oficial para tódolos efectos será a Resolución do 20 de decembro de 2023 da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (Inega) pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2024 (códigos de procedemento IN414B, IN414C)  (DOG de 12 de xaneiro de 2024).

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2024 pola que se amplía o crédito orzamentario establecido na Resolución do 20 de decembro de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (códigos de procedemento IN414B e IN414C). (DOG do 4 de xuño de 2024).
 

Consultar a listaxe de entidades colaboradoras adheridas.

Consultar as estatísticas de solicitudes do Plan Renove Electrodomésticos 2024.

1. Conceptos obxecto da subvención

As actuacións que se subvencionan son a renovación de electrodomésticos en vivendas sitas na Comunidade autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos.

Son subvencionables a renovación de electrodomésticos das tipoloxías indicadas na seguinte táboa, por outros novos da mesma tipoloxía e con etiqueta de clasificación enerxética establecidos na mesma táboa, segundo a clasificación vixente a partir de marzo de 2021 (Regulamento (UE) 2017/1369 do Parlamento Europeo e do Consello). No caso das encimeras, é subvencionable a substitución da encimera preexistente de calquera tecnoloxía por outra nova de indución total (placas que teñan soamente tecnoloxía de indución, non mixtas). Para acceder á subvención hai que entregar o electrodoméstico retirado a un xestor autorizado.

Consultar a listaxe de xestores autorizados en Galicia.

Electrodomésticos subvencionables
Frigorífico e frigorífico - conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D
Conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D
Lavadora A ou B (*)
Lavalouza A, B ou C
Placas de indución total (soamente tecnoloxía de indución, non mixtas)

(*) Inclúe lavasecadoras sempre e cando teñan unha cualificación para lavado A ou B.

2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións as persoas físicas que realicen algunha das actuacións subvencionables nunha vivenda sita na Comunidade Autónoma de Galicia. Para ser beneficiario terá que tramitar a súa solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren no listado que se publique na páxina web do Inega, www.inega.gal.

3. Período de actuacións obxecto da subvención

A adquisición e instalación dos equipos  debe realizarse con posterioridade a entrada en vigor do presente Plan. A data límite para executar o proxecto e presentar a solicitude de pagamento ca documentación xustificativa dos investimentos é de 60 días naturais contados desde o día seguinte á presentación da solicitude coa data límite do 30 de setembro de 2024.

4. Contía da axuda

A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, do 50% para consumidores vulnerables e do 75% para consumidores vulnerables severos.

Considéranse consumidores vulnerables e vulnerables severos os que cumpran os requisitos establecidos no Real Decreto 897/2017, de 6 de outubro, polo que se regula a figura do consumidor vulnerable. O bono social eléctrico establece un desconto do 25% para consumidores vulnerables e do 40 %  para consumidores vulnerables severos, o que deberá acreditarse mediante a presentación dunha factura de enerxía eléctrica cunha antigüidade máxima de 3 meses. O beneficiario só poderá beneficiarse da axuda correspondente a consumidor vulnerable ou vulnerable severo na vivenda que figure na factura de electricidade con aplicación do bono social.

Na seguinte táboa establecese a axuda máxima por electrodoméstico en función da súa tipoloxía.

Electrodomésticos subvencionables Axuda máxima (€/electrodoméstico)
Consumidor Xeral Consumidor Vulnerable Consumidor Vulnerable Severo
Frigorífico e frigorífico - conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D 150 300 450
Conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D
Lavadora A ou B 100 200 300
Lavalouza A, B ou C
Placa de indución total (soamente tecnoloxía de indución) 100 200 300

Un beneficiario só poderá recibir axuda pola substitución dun único electrodoméstico de cada unha das tipoloxías de equipos incluídos e cun máximo de dous electrodomésticos por beneficiario.

As persoas beneficiarias de edicións anteriores non poderán repetir a mesma tipoloxía de electrodoméstico subvencionados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020.

5. Solicitude de adhesión de entidades colaboradoras

O prazo de solicitude de adhesión de entidades colaboradoras é dende o 15 de xaneiro de 2024 ata o 30 de xuño de 2024 (artigo 4.4).

Poderán ser entidades colaboradoras todos aqueles establecementos comerciais que se dediquen de forma total ou parcial á venta de electrodomésticos e, particularmente, aqueles cuxa actividade se enmarque nun ou varios dos epígrafes seguintes correspondentes ás tarifas do Imposto sobre Actividades Económicas, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1175/1990, de 28 de setembro:

  • Epígrafe 653.2.- 2 Comercio polo miúdo de material e aparatos eléctricos, electrónicos, electrodomésticos
  • Epígrafe 661.1.- Comercio en grandes almacenes,
  • Epígrafe 661.2.- Comercio en hipermercados,
  • Epígrafe 662.1.- Comercio polo miúdo de toda clase de artigos en economatos e cooperativas de consumo.
  • Epígrafe 662.2.- Comercio polo miúdo de toda clase de artigos, en establecementos distintos dos especificados  no Grupo 661 e no epígrafe 662.1.

6. Proceso de solicitude de adhesión das entidades colaboradoras

a.- A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación asignaráselle un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado. Para adhesións simplificadas deberá utilizar o mesmo usuario e contrasinal que na convocatoria do ano 2023.

b.- A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (https://www.inega.gal) ou accesible dende a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (Anexo II) e o Convenio de colaboración (Anexo III).

Unha vez xerada a solicitude normalizada deberá presentala por vía electrónica.

Se a documentación presentada está completa, formalizarase a adhesión da entidade colaboradora. No caso de detectarse algunha deficiencia, procederase ao envío dun requirimento de emenda, suspendéndose a formalización da adhesión da entidade colaboradora ata que complete a totalidade da documentación.

7. Prazo para a presentación da solicitude de axuda

O prazo de presentación de solicitudes comeza ás 9:00h do día 8 de febreiro do 2024 e finaliza o 30 de setembro de 2024.

A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, asignando os fondos por orde de entrada no rexistro.

8. Procedemento presentación de solicitudes de axuda

Só poderán presentar solicitudes as entidades colaboradoras adheridas. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible dende a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, https://www.inega.gal.

Para poder presentar a solicitude deberase achegar, conxuntamente coa mesma, copia dixitalizada da autorización para a representación, conforme ao modelo do Anexo V.

O solicitante ou representante legal deberá posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor.

Unha vez presentada a solicitude e reservados os fondos, a axuda considerarase pre-concedida e poderase proceder á súa execución e, posteriormente, a presentar a solicitude de pagamento. 

9. Documentación complementaria solicitude

- Declaración de outorgamento de representación (Anexo V).

10. Solicitude de pagamento

Unha vez feita a reserva de fondos e executada a actuación, deberá solicitar o pagamento da axuda enchendo e presentando a través da aplicación informática o Anexo VI de solicitude de pagamento acompañado da seguinte documentación dixitalizada:

1º Copia da etiqueta enerxética do electrodoméstico adquirido ou no seu caso, documentación técnica que xustifique que a encimera adquirida é de indución total.
2º Copia da factura xustificativa da actuación na que conste o desconto do presente Plan. A factura deberá estar asinada e selada pola entidade colaboradora e polo beneficiario da axuda, coa lenda “pagado” para que quede constancia deste feito. Cando o importe a pagar sexa superior a 1.000 euros terase que xustificar o pagamento conforme ao indicado nas bases.
3º Copia do certificado de retirada do electrodoméstico antigo por un xestor autorizado.
- Modelo de recollida de electrodomésticos por lotes (Anexo VII).

4º No caso de consumidores vulnerables deberase aportar copia dunha factura de enerxía eléctrica cunha antigüidade máxima de 3 meses, na que se poida comprobar que o titular coincide co beneficiario e que é perceptor do bono social, así como que a dirección da subministración coincide coa de instalación do electrodoméstico.

11. Requirimentos de Emenda

Segundo o artigo 18 da convocatoria, calquera notificación realizarase a través de medios electrónicos mediante o sistema de notificación electrónica de Galicia- Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), no apartado Notificacións electrónicas.

Este sistema remitirá as persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións a súa conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Todos os trámites administrativos (presentación da solicitude, presentación da documentación requirida…) que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

12. Acceso á aplicación informática

Acceso á aplicación de cumprimentación e presentación de solicitudes de adhesión.

Acceso á aplicación de cumprimentación e presentación de solicitudes de axuda.

13. Máis información

Para máis información pode contactar co Inega a través dos teléfonos:  981 541 520  / 981 541 539 /  981 541 567 / 881 049 207.

Últimas axudas

SUBVENCIÓNS PARA O ANO 2024 PARA PROXECTOS DE INFRAESTRUCTURAS DE ALMACENAMENTO ENERXÉTICO

Calendario Calendario
Inicio:
Calendario Calendario
Fin:

IN425A

Frechas enlace Frechas enlace

Programa MOVES III - incentivos á mobilidade eléctrica

Calendario Calendario
Inicio:
Calendario Calendario
Fin:

IN421Q, IN421R

Frechas enlace Frechas enlace