A Xunta e a firma ferrolá Electrorayma colaboran no desenvolvemento dunha ferramenta para dixitalizar procesos técnicos a través da realidade virtual
O director de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, acudiu esta mañá á presentación de SAAM, unha solución innovadora que está a desenvolver o CIS Tecnoloxía e Deseño , dependente da Consellería de Economía e Industria
A iniciativa desenvólvese no marco do proxecto europeo Openlabs, unha rede de laboratorios industriais para a transformación dixital e sustentable de empresas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Ferrol (A Coruña), 3 de xullo de 2026
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu esta mañá en Ferrol á posta de largo da nova ferramenta SAAM, baseada no emprego da realidade virtual, que desenvolven conxuntamente o CIS Tecnoloxía Deseño e Comunicación e a firma ferrolá Electrorayma.
SAAM é unha solución tecnolóxica innovadora deseñada para dixitalizar os procesos técnicos, de maneira que proporciona información esencial de xeito instantáneo e dun xeito visual e interactivo. Aplicado inicialmente para grúas portuarias tipo cegoña, as súas enormes capacidades a converten nunha ferramenta de grande utilidade para outros ámbitos industriais como pode ser o mantemento dos parques eólicos.
Deste xeito, SAAM permite desenvolver guías de traballo que describen paso a paso as tarefas a realizar, incorporando información de apoio como imaxes, vídeos e documentación técnica. Tamén rexistra as actuacións realizadas incluíndo a identificación do persoal encargado dos traballo e a captura de fotografías do estado da instalación. E mesmo, a asistencia remota en tempo real, permitindo que un técnico que estea na oficina visualice a mesma información que o operario desprazado e lle proporcione soporte durante a intervención.
Ademais, a ferramenta xera un rexistro trazable de todas as operacións efectuadas, o que facilita a xestión de incidencias relacionadas coa seguridade e os labores de supervisión e seguimento do persoal, entre outras posibilidades.
SAAM nace da colaboración entre a Xunta de Galicia, a través do CIS da Cabana, e Electrorayma, empresa dedicada á enxeñería, fabricación, montaxe e mantemento eléctrico, no marco do Programa europeo OpenLabs, rede europea de laboratorios industriais para a transformación dixital e sustentable de empresas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (Programa Interreg – POCTEP 2021-2027).